Ante o peche da biblioteca municipal de Rois, como medida de actuación ante a situación actual de contención da propagación dos contaxios por coronavirus, o Concello informa dunha prórroga dos préstamos bibliotecarios. Así, aqueles préstamos que tiñan data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o día 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución. Para máis información, pode consultar a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Por outra banda, o Concello de Rois lembra que as persoas dadas de alta na Rede de Bibliotecas de Galicia teñen acceso aos fondos dixitais a través da plataforma GaliciaLe. En caso de non ter credenciais ou ter un carné en vigor anterior ao 14 de outubro de 2014, pode rexistrarse neste enlace.

GaliciaLe é a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.

En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo galego” e outro que aloxa o “Catálogo en castelán”. As obras incluídas nestas dúas contornas poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.