O Concello de Rois celebrou este domingo a festa do seu patrón, Santo Isidro, cun amplo programa de actos que comezaron coa verbena do sábado pola noite e remataron a última hora de onte co concerto De Vacas, que encheu o auditorio municipal. A terceira edición da andaina popular, que se celebrou entre Urdilde e Rois con 150 participantes, xunto co concerto do grupo compostelán da tarde, foron dos actos máis concorridos. A choiva obrigou a modificar a celebración dalgúns actos, como o concerto das agrupacións da escola de música, que se celebrou no local social dos veciños de San Mamede.
A primeira hora da mañá do domingo, case 150 persoas iniciaban en Urdilde a andaina de sete quilómetros polas terras do municipio ata o campo da festa. A metade dos participantes recolleron os seus dorsais na liña de meta, e despois foron trasladados en autobús ata a praza dos pisos de Urdilde, onde comezou a terceira edición desta camiñada que se celebra con motivo da celebración do Santo Isidro.
Algunha das persoas participantes xa estivera o sábado pola noite na verbena que amenizaron o dúo Reflejos e o grupo padronés Unión y Fuerza e que supoñía o comezo dunhas festas que contaron cun amplo programa de actividades, algunha das cales se tivo que modificar debido a choiva do domingo. Motivo polo que o OCT Chorima comunicaba ao Concello que suspendía a súa actuación prevista para a media tarde de onte.
A Escola municipal de música decidiu trasladar ao local social da Asociación de Veciños de Sanamede, xunto ao campo da festa, o seu concerto de música. Foron moitos os familiares que aplaudiron as actuacións das agrupacións de música e movemento e linguaxe musical, así como as actuacións de piano e dos conxuntos instrumentais. A misa solemne cantada polo coro de Buxán e a tradicional procesión co Santo Isidro completaron o programa matinal do patrón de Rois.
Xa pola tarde, os xogos populares para a rapazada e a actuación de la Granja volveron a xuntar a veciñanza, sobre todo á de menor idade, no campo da festa para gozar coa boa música, os talleres de globoflexia, debuxo ou tatuaxe. Algúns se atreveron a camiñar cos zancos, a practicar minigolf ou a xogar ao tres en raia, entre outros dos xogos que tiñan a súa disposición.
A música tradicional animou a algunhas das persoas asistentes a botar un baile e colleitou numerosos aplausos. As Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde ou as Pandeireteiras da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo amosaron que seguen dispostas animar calquera festa á que sexan convidadas. Tras a actuación individual, unha representación de tres pandeireteiras de cada agrupación interpretou o tema Sororidade, composto por Jéssica Beiroa (a mestre dos tres grupos) e que sirve de banda sonora para o vídeo co que os concellos de Rois, Padrón e Dodro conmemoraron este ano o Día Internacional da Muller.O monólogo de Pepo Suevos no campo da festa deu paso ao concerto de De Vacas. Por mor da choiva, a actuación trasladouse a un auditorio municipal, que se encheu de veciños e veciñas que puideron gozar coas propostas dos grupo compostelán.
Dende o Concello de Rois agradecen a colaboración de todas cantas persoas e entidades colaboraron na organización dos actos relacionados coa festa do Santo Isiddro 2022.