Xurado do concurso de carteis do Santo Isidro 2024

O cartel de Lara Barreiro López foi seleccionado entre un total de 10 propostas para anunciar as festas do Santo Isidro Labrador 2024 en Rois. O traballo desta veciña do Casal, da parroquia roisense de Seira, destacouse polo seu talento artístico e pola súa representación fiel da esencia da celebración. O premio está dotado con 200 euros.

O xurado do concurso de carteis do Santo Isidro reuniuse hoxe, 22 de abril, en Rois. Este tribunal estivo composto por Ana Vilacoba Iglesias, profesora de educación plástica de educación secundaria no CPI Plurilingüe Os Dices Rois; José Vicente Domínguez Varela, fotógrafo profesional; e José Manuel López Bargo, en representación do Concello e por delegación do alcalde-presidente Ramón Tojo Lens.

A obra de Lara Barreiro captura a esencia da festa de Santo Isidro nunha amalgama de dúas imaxes significativas. A primeira imaxe, obtida da propia web do concello, retrata o momento da procesión nun dos anos anteriores. A segunda imaxe, capturada pola propia autora, ilustra a igrexa parroquial, o epicentro das celebracións.

Nesta creación, Lara Barreiro López pretende destacar a veneración que a comunidade local ten pola imaxe do santo e o rico patrimonio material que posúe o concello en relación con el. A técnica utilizada, acuarela mesturada con rotulador negro, dálle á obra unha impresión de ilustración. Igualmente, ten tratamento en dixital con luces e sombras que resaltan algunhas partes. A tipografía está debuxada a lapis e dixitalizada a posteriori.

Como recoñecemento, Lara Barreiro López recibirá un premio de 200 euros e o seu cartel será a imaxe oficial das festas de Santo Isidro 2024.

O Concello de Rois agradece a destacada participación no concurso e salienta a calidade artística amosada nos traballos. Proximamente darase a coñecer o programa completo de actividades relacionadas coa festa patronal, que se celebrará os días 15 e 16 de maio, así como a programación de Rois no camiño das Letras Galegas.